Grelos

O grelo é un dos produtos típicos da cociña galega. Nas pontes homenaxéaselle dende o ano 1981, todos os domingos do entroido, cunha Feira do Grelo que, co patrocinio do Concello das Pontes, o apoio dos agricultores da bisbarra, e das distintas asociacións culturais e gastronómicas, fan que o grelo, sexa un dos produtos estrela da gastronomía local.

Mantecados Ponteses

Elaboradas de forma totalmente tradicional igual que se facía hai un século, cando as mulleres das Pontes comezaron a facelos nas súas casas. Hoxe en día poderás encontrar este produto artesanal e pontés nas panadarías do pobo, acompañados dos polvoróns artesáns forman unha parella de doces que ningún visitante debe deixar de probar.

Polvorones Ponteses

Os polvorones das Pontes, do mesmo xeito que as mantecadas, manteñen a mesma receita tradicional de sempre mantendo esa exclusividade no sabor que os fai únicos. Están feitos con manteiga de vaca e de porco, metade e metade, ovos frescos, fariña, azucre e améndoa picada polo medio que lles dá ese sabor tan propio e excepcional. Xunto coas mantecadas forman unha parella de doces que todo visitante debe levar á súa casa.

Fungos e Cogumelos

As Pontes é pioneiro en Galicia no desenvolvemento e divulgación do consumo de fungos e cogomelos. Desde o ano 1989, o concello das Pontes leva promocionando estes produtos de forma activa mediante a celebración de actividades como saídas ao monte en busca de cogomelos, cursos e talleres de micoloxía, conferencias e charlas impartidas por especialistas e exposicións. A “Feira de Fungos e Cogumelos” celébrase no mes de Novembro pechando unha semana de actividades en torno ao mundo da micoloxía.

Mel de Goente

Trátase dun mel natural, elaborada cos métodos tradicionais e que provén das abellas e das flores da zona. Goente é a parroquia das Pontes onde está situada “A Casa do Mel” cuxa función é a de divulgar e atraer o interese por este produto e pola forma de producilo.

Queixo do Eume

As Pontes tamén ten o seu propio queixo, proveniente das vacas que pastan nas ribeiras do río Eume, trátase dun queixo sen curación, cremoso, e co seu toque de sal.